xoves, 31 de maio de 2012

Cayo Lara reprocha ao PSOE que "estea nunha 'política de reciclaxe' e se teña posto a remolque de IU" ao pedir agora que a Igrexa pague o IBI.

Fonte: Izquierda Unida
O coordinador federal recorda varias iniciativas executadas desde hai tempo por Izquierda Unida, entre elas a moción que leva xa semanas impulsando nos concellos en relación co pagamento do imposto polos bens inmobles da Igrexa.
O coordinador federal de IU, Cayo Lara, reprochou ao PSOE por anotarse agora a reclamar que a Igrexa pague o Imposto de Bens Inmobles (IBI) dos seus edificios non vencellados ao culto, como leva propoñendo Izquierda Unida desde hai anos fronte á negativa socialista. "O PSOE está nunha 'política de reciclaxe' neste momento e en materia laicista púxose a remolque de Izquierda Unida. Non sei se nos colle partes do programa ou propostas que facemos ás que votou en contra cando estaba no Goberno. Parece que nos están a facer un seguimento", explicou. 

Na rolda de prensa na sede federal de IU, xunto ao secretario de Econmía e Traballo, José Antonio García Rubio, Lara afeou aos responsábeis socialistas que na pasada fin de semana lanzaran a idea de presentar mocións nos concellos para pedir ese pagamento do IBI. Recordou que non moveron nen un dedo ao respeito durante as súas dúas lexislaturas na Moncloa, cando contaban con maioría suficiente, e explicou que Izquierda Unida ten elaborada desde hai semanas unha moción máis ambiciosa que está a impulsar nos municipios de todo o Estado (entre eles O Grove). Icluso xa ten saído adiante en algún deles, como o madrileño de San Sebastián de los Reyes, o pasado 17 de maio, incluso cos votos do PSOE.
"A boas horas. Por dúas veces votaron en contra destas iniciativas que IU levou ao Parlamento", criticou Cayo Lara dirixíndose á cúpula da direición socialista, se ben indicou que "benvido sexa" se agora decidiron sumarse a demandas que son xa case históricas para IU. O máximo responsábel de IU emprazou aos dirixentes municipais do PSOE a que se sumen á moción que IU seguirá a defender nos concellos por ser "máis ampla, completa e porque entendemos que é a que máis entronca coas necesidades do noso país como Estado aconfesional".
"Coa moción que presentamos xa vai uns días --detallou Lara-- queremos que se faga unha revisión do Concordato como primeiro elemento clave para que os bens estén suxeitos a impostos, que se faga un censo de inmobles rústicos e urbanos a nome da Igrexa, xa que nos últimos anos foise incrementando o seu patrimonio a gran ritmo, o pago do IBI e a revisión dos beneficios fiscais".
Entre outros motivos, IU impulsou a presentación desta moción municipal a raíz das novidades que contiña unha resposta escrita do Goberno do PP a unha pregunta parlamentaria que a mediados de marzo rexistrou o deputado e voceiro na Comisión de Xustiza, Gaspar Llamazares. Nesta contestación, de finais do mes de abril, o Executivo do PP sinalaba que non pensaba emprender nengunha reforma legal para facilitar o pagamento do IBI ou a creación dun censo de bens e deixaba en mans dos concellos que traten de cobrar este imposto polos inmobles da Igrexa.
En concreto, o Goberno do PP indicaba que 'tales bens estarán inscritos a favor da entidade da Igrexa Católica que corresponda e serán os municipios os que deberán xirar o correspondente imposto e a Igrexa xustificar, no seu caso, a exención correspondente'.
Ademais desta iniciativa, están tamén os exemplos debatidos e votados a semana pasada no Congreso. Por un lado, o Grupo Popular rexeitou a enmenda de IU aos Orzamentos Xerais do Estado onde se pedía para este ano 2012 que se reduxera nun 20% o diñeiro público destinado á Igrexa, igual que se tiña aprobado para os partidos, sindicatos ou empresarios. O PSOE abstívose.
O pasado mércores 23 a Comisión Constitucional rexeitou tamén --cos votos de PP, CiU e UPyD--, a proposición non de lei de IU que defendeu o deputado Joan Josep Nuet para acabar cos privilexios fiscais de que goza a Igrexa, entre eles o IBI. Nuet acordou un texto final co PSOE e o Grupo Mixto, especialmente no relacionado co tema do IBI, para lograr o seu apoio.
Cayo Lara recordou que a pasada lexislatura co PSOE no Goberno a Igrexa incrementou ata o 0,7% a súa asignación no IRPF e recibe 250 millóns de euros, unha subvención maior que a que se dá ao partidos, sindicatos e outros axentes sociais.
Por outra banda, e debido a determinadas explicacións erróneas de que as formacións políticas non pagan o IBI, Lara amosou aos xornalistas durante a rolda de prensa o recibo correspondente a ese imposto que pagou IU no 2011 ao concello de Madrid pola súa sede federal, polo que aboou 24.891,90 euros. "Pagamos como todo fillo de veciño", subraiou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario